Anque o momento para falar en público non é o máis propicio nin o máis adecuado, porque as reflexións “post prandium”, nacen ou diríxense pola somnolencia da primeira dixestión. Pero si quero, alomenos, manifestar a miña satisfacción por compartir con vos esta xornada festiva gracias o atrevido convite que me fixo persoalmente o Sr. Posada.
E digo atrevido porque para un humilde camareiro de profesión, habituado a servir e a calar, que se sente nunha opípara mesa para que o sirvan e para que fale, é un risco que corredes sen necesidade.
Como di Pepe Posada con frecuencia, “o noso é unha carallada moi seria”, a min tócame agora, segundo o tratado, poñer seria a carallada ou escarallar a seriedade. Calquera das dúas cousas pode suceder, o resultado: ¡xa se verá!.
Se consigo que ninguén se durma fago voto de dedicarme a poesía, e se os ronquidos agroman por culpa do peso das miñas palabras, sen dúbida que a miña futura profesión será a política.
Queridos amigos:
¡Hoxe é o día da Gran Castaña!.
Celebramos a festa da Castaña.
¡Ponderamos alegremente o Magosto!. Esa celebración máxica que mestura a terra, o aire e o fogo; o fumo perdido no ceo e o estraloque dos bullós cando o lume lle acariña as costas.
Estamos na festa que mestura a Castaña e o Viño, como reza un vello refrán astur:
“Castañas y vinín,
son la alegría de San Martín”.
Os aquí presentes somos todos amigos do viño, irmandiños do zume da historia, apaixonados da esencia líquida da uva e tamén somos amigos da castaña.
¡Irmandiños da castaña e do viño!.
O viño todos sabemos o que é porque soamente ten unha maneira de renderlle honores anque “dos clases de vino hay, como dijo el prior, el bueno y el mejor”.
Ó viño dedicareille outro día un tempiño co voso beneplácito e como se merece. A miña atención, hoxe tócalle á Castaña, a gran protagonista desta xornada.
Cando se fala da Castaña, ¿que é realmente o que queremos dicir?.
¿Cando a ela nos referimos que entendemos por esa palabra tan sinxela e tan complexa ó mesmo tempo?
¿É semente ou é froito?
¿É madeira ou e froita?
¿É unha ilusión ou é un estado?
¿É un pracer, un vicio ou un alimento?.
¿É un ocio ou un negocio?
Se lle preguntamos ó PP, perdón, a PP (Pepiño Pousada), a resposta é entendible.
O que si está claro é que non ten o mesmo significado cando se di: “vai lavar a castaña”, que “vai durmir a castaña” nin, “¡toma castaña!” ou “¡menudo castañazo!” ou tamén que “ten un moño de dobre castaña”.
Analicemos por partes estas variables de un único concepto que soamente ten una vocal: a “A”. Unha vocal triple como un trébede, como un tridente, como unha triloxía a que me quero referir.
I
A primeira acepción que nos compete é a máis coñecida e a que nos reúne hoxe aquí como reza a sabenza popular:
“A castaña, compañeiro,
é a nai e a filla do castiñeiro”.
Ese grao pardo da economía galega, esa perla da montaña que se pode comer crúa, cocida ou asada porque a “castañiña, ben se leva coa cociña”. Esa trobadora da sabedoría e da arte, alacena de inspiracións e galla asneira da cultura popular.
¿Que pintor, escultor ou literato non lle dedicou unha parte da súa obra a beleza bígarra dun souto, á fidalguía señorial dun castiñeiro, a fermosura dunha candea, a simpatía dun ourizo no momento da risa, as follas dentadas do castiro, ó bullote e sobre todo ó magosto?
“Las castañas son la paz del hogar” escribiu García Lorca, ou o mesmo saber popular consólanos dicindo que “con castañas y vino nuevo, ya no muere el pueblo”.
Queridos amigos a castaña é un dos mellores recursos que ten a sociedade para facer o dela, traballar en conxunto, convivir, festexar, aprender e recordar. Unirse para coñecerse e celebrar, como é o meu caso neste día.
A castaña é unha fonte de cultura porque pertence directamente á ilusión do pobo. Por eso pido un brindes por ela.
Brindemos polas castañas
e polas castañeiras,
polos castiñeiros,
e por tódolos soutos de Galicia,
para que nunca nos falten
as súas Maiolas,
e que non fuxa de nos
o instinto de procesalas
nestes corpos tan merecentes
de semellante pracer.
¡Por elas!
II
O seguinte sentido ou segunda acepción de castaña é o senso escatolóxico, seguramente o que todos esperabades escoitar porque a malicia está presente no cerebro de tódolos homes como o aceite nas ensaladas.
Una vez nunha clase de canto un alumno preguntoulle inocentemente ó seu mestre:
“- ¿Profesor, as mulleres teñen noz? – respondeulle o mestre moi decidido:
– !Non, fillo, non, as mulleres teñen castaña!”
E noutra altura humorística contarei o que lle aconteceu a dúas amigas que foron a xeira da recolección das castañas.
“A volta atópanse a porta da casa e dille unha a outra:
– ¿A ti que che deron?
– A min déronme 100€ e un cesto de castañas, ¿e a ti?
– A min déronme 150€ e deixáronme a castaña como un cesto”.
Por todos é coñecido o sentir popular de novembro, o mes onde crece o nabo e abre a castaña.
A esta acepción de castaña, e que dou por entendido que todos os presentes saben a cal me refiro e que me perdoen as femias por o meu soez atrevemento.
A esta castaña, tamén se lle pode chamar marrón e sobre todo glacé. Ten certo parecido co primeiro significado que expliquei anteriormente.
¿Non é o mellor postre, o mellor aperitivo, o mellor sosego, o mellor producto o natural que máis aceptación ten no mundo da gastronomía, da filosofía, da enxeñería, das finanzas, do dereito… e de todo o saber ó noso alcance?.
¡Cantos gobernantes viñéronse abaixo por consumir castañas prohibidas!
¡Cantas castañas se fixeron de ouro gracias o marabilloso poder do instinto!
¡Cantas castañas florecen soamente na soidade e no silencio!
¡Cantas castañas dormen o seu segredo!
¡Cantas castañas desexan neste momento un asador!
¡Cantas castañas conservan o seu arume a espera dun catador!
¡Cantas castañas inda non saíron do ourizo e polo tanto non pingaron!
Queridos compañeiros,
¿hai algunha universidade ou restaurante, manifestación, monumento ou parque, montaña ou praia do mundo máis visitada que a castaña? ¡Nin a torre Eiffel de París, nin as Pirámides de Exipto, rexistraron tantas entradas na súa existencia como tivo a castaña na historia!
O Talgo, no seu longo existir, non tivo entradas e saídas como a castaña máis inhóspita da terra. Pasea máis xente a diario por ese curruncho, que turistas recorren as murallas chinesas.
Pénsase máis na castaña que nos Evanxeos.
¿Que sería da muller sen castaña? e ¿que sería da imaxinación do varón sen a castaña?
A sorte que ten a historia é que esta castaña é muda e acugula a súa experiencia en silencio.
Non estoura cando o lume lle quenta as beiras e unha vez comida inda sigue viva, mellor dito, ¡máis viva!.
Unha antiga rabelada sanabresa soa a media noite da boca dun humilde cego:
“De mi ventana a la tuya
voy a poner una caña
para que corra la leche
de mi pito a tu castaña”.
Esta castaña, a bisagra dos tafanarios, foi, é e será a marabilla de gran parte da humanidade, como tamén foi, é e será a perdición da outra parte.
Posiblemente como negocio sexa mellor esta acepción de castaña que a do froito do castiñeiro.
Estou seguro de que produce máis emolumentos per cápita unha castaña foránea en Ourense, que un Marrón Glacé de calidade suprema vendido no Xapón. Esta castaña tamén ten ourizo, abre e ri en tódalas estacións do ano ou, mellor sexa dito, cando o tempo lle é oportuno. Ten pelo e pel. O mellor tempero é en estado cru. Na contra da outra, como non ten aceptación é asada ou seca.
Queridos amigos, perdoade a miña baixeza intelectual e o meu atrevemento por facer públicas estas reflexións escatolóxicas, pero cando a palabra entra nun discurso, para evitar a efemeridade ó único que queda é a realidade. E a castaña é o principio da vida e das cousas que máis alegran e amarguran a existencia. ¿Merece ou non unha mención especial, unha loubanza e sobre todo un brindes?
Brindemos pola castaña,
fonte da luxuria
e manancío do pracer húmido,
recreo das emocións
e recuncho de felicidades.
Brindemos por ela
para que sempre lle manteña
abertas as portas ó mundo,
para que poidamos consumila a diario
e os doutores no la receiten no talonario.
Para que non se seque
e non peche os seus labres en sinal de loito.
¡Por elas, por as castañas máis belas,
por o diamante das doncelas!
III
A terceira acepción de castaña ou terceiro dente dese trébede co que iniciei esta longa perorata é a última a que me vou a referir no día de hoxe para evitar cansazo nos vosos oídos, tamén chamada a “ilusión de Baco”, “espírito de Dionisos”, “folla de Beocia”, “posición tajarina” ou “estado dipsómano” nunha terminoloxía culta, e na faladeira cotiá, coa que eu convivo a diario e na que me movo por profesión, escoitade a seguinte letanía:
Peteneira, merluza, cagallón,
pancada, mosca e colocón.
Alumeado, bolinga, alcoholizado,
papa, contento ou doblado. (E van 12)
Peido, chispa, tablón,
manta ou etílica intoxicación.
Filomena, mica, pimpladeira, sabañada,
enfilada, micaela, peloa ou cachapada.
Tajarino, quente, zorollo, morado,
petao, torda, mangado,
moñiga, peloa ou torgado. (23 + 12 = 35)
Pileque, tranca ou tallada,
turca, cogorza ou calcada.
Pipado, atizado, cocido,
cargado, cego ou fodido.
Cantinela, merda, alegrete,
curda, mona ou peneque. (18 + 35 = 53)
Ebriedade, pedal, bebedeira,
moña, pileque ou borracheira.
Chuzo, calinga e cebollón,
cachopa, cocedura ou peón.
Beodo, choroa, papalina e alampea,
para que rime con:
juma, porra, trompa e melopea.
Tamén se di piripi,
como unha cuba ou colocado
para explicar que un xa está mamado.
(24 + 53 = 77) (once veces sete)
¡Filládevos a cantidade de adxectivos que ten o mesmo feito de sobre pasar o nivel de alcol no corpo! ¿A que vos soan a maioría destes térmenos?
Poucas accións do home defínense con tanta variedade lingüística, tantas como homes sufridores de ese exceso de pracer.
Todas elas métense nun saco e resúmense cunha soa definición, que realmente é a que nos compete e a onde eu quería chegar: “Castaña”.
Desta acepción ten a Guardia Civil unha solución:
“Coa Castaña non se pode
conducir por España”.
A castaña froito, para entendernos, moitas veces levounos as outras dúas castañas, foi o camiño para alcanzar as castañas. E queira Deus ¡que non se lle perda esa maña, que por algo é a castaña!
Queridos amigos, e soportadores do meu longo sermón:
Hai un refrán popular que di:
“Despois dunha castaña asada,
¡que ben vai unha queimada!”
Pasemos ó seguinte capítulo e que Deus nos manteña firmes e felices coas nosas conviccións.
Iniciaba as miñas palabras dicindo que hoxe é o día da gran Castaña. Pois brindemos unha vez máis pola castaña, e que cada un lle dedique o trago a que queira.
Brindemos, pola castaña:
pola que pinga do ourizo
e pola que na cabeza ten o pelo rizo,
pola que, bébedo me é feitizo,
dorme no alto do cañizo
e a que cando chegas tarde a casa che di:
“¡tranquilo, home,
tranquilo que non che rifo!”.
Brindemos pola castaña e pola castañeira,
pola porta de entrada da miña compañeira
e polo estado de abuso
que a veces fago no bar ou na lareira.
Brindemos para que nunca falten
castañas, lume e viño,
amigos na mesa e mozas no camiño.
¡Que sempre haxa ganas de degrañas
anque coa idade, perdamos as mañas
de comer, de tocar e de coller castañas!”
Gracias a todos e que teñamos unha tarde marabillosa inda que vola chafara eu.
“Castaña no fogón
e música de acordeón”.Edelmiro L. Mateo García
San Estevo, 13 de novembro do ano 2010