Oferendas
Ofrenda ao Apóstolo Santiago 2022
OFERENDA DA IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS AO APOSTOLO SANTIAGO.
Nemésio Barxa
Senhor Santiago, vimos cumprimentar-vos com respeito nesta maior catedral românica de Ocidente que levantou o Reino de Galiza por vossa grandeza. Somos uma associação de homens, amantes de Galiza, de suas gentes, seu território e sua fala, unidos na defensa do vinho, e todo o que significou na vida e cultura no mundo, designadamente o vinho produzido na Galiza, por isso nos chamamos, Irmandade dos Vinhos Galegos. Os vinhos galegos som mostra da idiossincrasia galega, sinal de identidade e da sua cultura, enraizados na tradição e na história de pertença á sua terra como também ocorre com a castanha; ambos forem em tempos antergos alimento do corpo e reconforto de tantas sedes de todo tipo como suportou o povo galego que, vivendo aqui o senhor, também teve que suportar. No S. IX e seguintes, muito antes da chegada dos monges de Cluny a Galiza, já exportávamos grandes quantidades de vinho galego a outras cidades europeias mercê á qualidade reconhecida do vinho do Ribeiro, até que no S. XVII rematou com este frutífero comercio a proibição, por causa de disputas pessoais de reis alheios, de exportar a Inglaterra. Sofremos perseguição de próprios e alheios como o Sr. Santiago que suportou invejas desde Roma até cabeças reinantes, das que entendemos saiu adiante polas suas qualidades e a devoção de gentes que confiarem em Voçê. Invejas politicas do projeto de criação de um reino Cristiano chamado Galiza (“ocidentalia loca” que dize o breviarium apostolorum) ou humanas da independência religiosa de Compostela fronte a Roma ao havernos chegado o anuncio do evanxeo diretamente por um dos apostoles mais próximos a Cristo.
Ainda que somos um grupo diverso no que uns podem ser cristãs, ou crentes, ou praticantes, também exceptivos, incrédulos, indiferentes ou incluso ateos e todos sentimos o amor a Galiza e consideração ao vinho, temos tudo o respeito e reconhecimento ao Senhor Santiago, conhecedores da sua pessoa, seus valores, da historia e incluso da lenda.
Somos gente de paz, romeiros que vimos visitar ao Santiago evangelizador, peregrino, ao Santiago predicador não ao invento de monarcas castelhanos numa batalha, como pouco, duvidosa na que espada em mão decapitava muçulmanos igual que Herodes te mandou decapitar; nos estaríamos com o senhor Santiago no sofrimento do martírio e não nas cavalgadas guerreiras, tal vez inventadas, matando inimigos, igualmente rejeitadas polo nosso rei Afonso VIII (IX). Porque além da lenda ou da realidade, a invenção de tua sepultura, a noticia de teu magistério, supujo um impulso importante no mundo, na economia e no sentimento para nosso povo.
Por isso, Sr. Santiago, além de crenças ou lendas, recebe esta oferta que com todo carinho e respeito te faceemos os Irmandinhos do Vinho Galego, agradecidos.
Ofrenda ao Apóstolo Santiago 2010
Apóstolo Santiago:
Somos a Irmandade dos Viños Galegos. Confraría integrada por un cento e medio de colleiteiros e non colleiteiros de moi variadas profesións: avogados, médicos, artistas, poetas, arquitectos, xornalistas,… Xentes boas, honestas e xenerosas, unidas polo amor á nosa cultura e a unha das súas manifestacións mais importantes: o viño.
Irmandade inspirada na nosa historia (irmandiños medievais e Irmandades da Fala), creada en 1989, para valorar, difundir, defender, honrar, respectar, amar, falar, fabular, e sobre todo beber, beber e beber os bos e xenerosos viños galegos. Beber sempre coa moderación que a saúde require e o sentidiño aconsella. Os Irmandiños, Señor Santiago, gostamos de ser mesurados no beber, xa que coma dicía Cervantes: el vino demasiado ni guarda secreto, ni cumple palabra.
Vimos Señor, de diferentes vilas e cidades da Galiza e España. Hónrannos coa súa compaña irmandades de Portugal, e doutros países de Europa. Fixemos un alto nos traballos e acercámonos á túa cidade, visitarte no teu templo. Templo ateigado de séculos de historia e arte. Vimos, coma pelegrins, presentarche con humildade, no arranque deste segundo Ano Santo do novo milenio, as nosas obras, desexos e inquedanzas, na confianza de que ti saberás darlles abeiro e cumprida satisfacción.
Gostamos saber de viño. O consumo de viño ten moito de liturxia. O seu uso e goce precisa dunha longa aprendizaxe. Son saberes de paciencia e tempo. Saber de viño, Señor Santiago, é unha vella arte. O seu coñecemento achéganos, fainos máis próximos a ele. O viño, Señor, como a música, canto máis se coñece máis gosta.
Góstannos as botellas de viño ben conversadas. O viño axuda a compartir palabra e pensamento. É o medio de comunicación mais intelixente. Transmite sentimentos e emocións, alimenta soños e esperanzas, e establece lazos de confraternidade, complicidade e boa vontade común. Alegría compartida aumenta; e tristeza compartida diminúe. Vinum laetificat cor hominis, di o Salmo, e San Francisco de Sales afirmaba: O espírito ledo acada antes e máis doadamente a perfección, que non o espírito melancólico. Por iso os irmandiños, sempre brindamos coa frase: Sursum corda.
Góstanos percorrer Galiza catando os seus diferentes viños. O viño sabe e cátase mellor nos lugares da súa elaboración, acompañado daquelas viandas que mellor lle acaen. As viaxes ao viño, Señor, non lle sentan ben.
Gostamos ler na forma grácil das súas burbullas e no matiz dos seus cores, e dos seus aromas, no que o irmandiño, o síndico, Don José M. Fernández Anguiano é moi entendido. Aromas que espertan na nosa memoria fragrancias xa perdidas dos tempos mozos. Gostamos escoitar como canta ao verquelo nas cuncas. Cantos ledos, incitadores, que removen sensacións agochadas nos fondos da alma, facéndonos máis permeábeis aos sentimentos. Apóstolo Santiago: O viño é música, canta e fai cantar.
A cada un, Señor, góstalle o seu viño. Os galegos, dicía Cunqueiro, gostamos dos nosos viños, quizais porque teñen mais gañas de falar que nos mesmos, …ou porque teñen un sabor fuxidío, e buscándoo, sentados diante dunha cunca, debullando se cadra unha nécora ou unhas simples noces, nun atardecer de verán contemplando a entrada das vacas no porto de Muros, rememoramos xentes, tempos, lugares, amores e despedidas.
Somos, coma di o noso Viñateiro Maior, Don Xosé Posada, da terra dos viños apolíneos, cheos de saúde, equilibrados en grado e acidez, viños redondos non moi fortes, pero si persoais e harmonizados. Viños para beber na madurez da vida. Viños que nos configuran, transubstancian a alma da nosa terra, moldean e modelan externa e internamente corpo e psique. Facéndonos, segundo Celso Emilio Ferreiro cachazudos, líricos e nostálxicos. Os viños indican o nivel de refinamento, de espiritualización, en certo modo da sensualidade dos homes. Somos, Señor Santiago, o viño que bebemos.
Viño, sangue farturenta da terra, que forma parte da nosa cultura desde fai 6.000 anos. Viño da ofrenda do sumo sacerdote Melquisedec. Viño que se consagra. Viño sempre presente en igrexas e mosteiros do Camiño de Santiago. Pois como recolle a tradición no Códice Calixtino: repón o corpo e alegra a alma dos camiñantes. É, probablemente, xunto coa auga e o leite, unha das bebidas máis antigas que se coñecen. Beber viño, Señor, é algo que nos diferenza dos animais.
De sempre relacionouse o seu consumo coa saúde e lonxevidade, especialmente na cultura mediterránea onde está integrado na dieta e celebracións. Nestes últimos anos estanse a situar as súas virtudes salutíferas na prevención dos cancros e das enfermidades cardíacas, nos efectos antioxidantes dos polifenois e do resveratrol. Pero coma o deus Jano ten dúas caras. Na Irmandade dos Viños Galegos traballamos para diferenciar a cultura do viño da barbarie do alcol, recuperando o seu consumo tradicional e moderado. Pedímosche, Señor Santiago, axuda nesta importante tarefa.
Hoxe, Santo Patrón, ao contemplar túa pétrea figura, con ese ollar entre bondadoso e retranqueiro, quizais por tantas e tantas cousas oídas ao longo de séculos, abrolla en nós unha ledicia que relembra a daquel Don Gaiferos de antano e a de tantos e tantos milleiros de pelegrins que nos precederon.
Cando dentro duns intres, con ollos de neno en noite de reis, envoltos en nubeiros de arrecendoso fume, contemplemos os voos do Botafumeiro, ao ritmo dos coros das chirimías e os sons do órgano, cada un de nós, na intimidade do corazón presentarémoche as nosas particulares ofrendas.
Apóstolo Santiago, estes Irmandiños congregados ante tí, querémosche pedir en primeiro lugar polo noso Roi Xordo, Don Manuel María, e demais irmandiños que xa remataron a súa pelerinaxe e están contigo agardándonos, fainos Señor gozar dos viños do ceo, e que sigan agardando por nós moitos anos. Pedímosche polo noso Preboste Don Nemesio Barxa, pra que teña acerto nas súas orientacións, e por tódalas persoas do mundo do viño, sector económico de grande importancia en España, un dos primeiros produtores do mundo, onde supón o 1% do PIB e ocupa a moitos milleiros de persoas.
Xesús iniciou a vida pública transformando auga en viño. Desde entón moitos taberneiros tentan, sen éxito, repetir a milagre.
Para os que o viño adulteran,
Señor, non che pedimos
azoutes, esposas nin cadea.
Dámonos por satisfeitos,
con que o seu viño eles beban.
Finalmente Señor Santiago, pedímosche polas nosas familias, e por todos nós, para que nunca nos falte a ilusión que manteña abertos os ollos do corpo e da alma e estimule o traballo de cada día, e podamos seguir por moitos anos gozando e divulgando as excelencias dos nosos viños.
Ad maiorem gloriam vinum Gallaeciae.
AMEN
Asdo. Juan J. Gestal Otero
13 de marzo do Ano Santo de 2010
Ofrenda ao Apóstolo Santiago 2004
SEÑOR SANTIAGO aquí estamos a IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS:
Ante o teu altar comparecemos coma tantos milleiros de peregrinos que atopan neste lugar sacro a meta arelada. Volvemos a esta cidade emblemática na que a maioría de nós fomos estudantes, aquí debullamos o noso tempo entre o rigor das disciplinas académicas e a displicente bohemia da mocedade, aquí namoramos. Santiago de Comopostela sempre será unha referencia importante para nós; as vivencias daqueles días descen sobre a nosa memoria como unha chuvia mansa, agora, cando sabéndoos perdidos, os sentimos aínda moi adentro:
«Santiago vai en nós como unha sombra,
ao noso cerne vai atado como edra,
aise arte o granito e medra,
espiga cenital que nos asombra.
Nun aire denso que nos nombra
volve o pasado e póusase na pedra
Pasos que foron pérdense na nebra,
Santiago vai en nós como unha sombra.
Vai en nosoutros, chuvia, terra e canto
foi fértil limo vertido en vida;
Cicelado soño, arquitectura
que ao ceo lanza a oración máis pura:
a podente chamada dun encanto,
o camiño da espranza xa cumprida
E vimos, Señor, a renderche pleitesía e homenaxe, como galegos exercentes, para recoñecendo a túa autoridade, impetrar a túa protección. Somos, Señor Santiago, a Irmandade dos Vinhos Galegos, unha sociedade formada por xente pacífica e de orde que se xunta a carón da comida e da bebida para estreitar lazos de amizade, para disfrutar da boa mesa coa necesaria mesura e departir en conversa tranquila e harmoniosa. Tal vez non exista, Señor Santiago, diferencia entre falar de comida e falar de relixión. En todas as relixións se fai presente a divibidade a traés dos alimentos. No rito católico conságrase o pan e o viño; ningunha outra bebida, Señor, que non sexa o viño é merecente de tan alto privilexio. Un rito obrigado de calquera relixión é comer e beber a deidade ou para a deidade. Quizais o que queremos cando comemos e bebemos e saciar a nosa sede de eternidade, unha sede que se concreta máis modestamente no mantemento cotiá da vida. Por iso os deuses -Cristo entre eles- deixaron a súa presencia contida nos alimentos. Nese sentido alimentámonos por vivir e para vivir, desde a convicción de que o disfrute da comida e o transo da bebida teñen degaros de vida eterna.
Pero tamén a cerimonia de preparar para despóis compartir os alimentos en común unión tén unha profunda significación relixiosa: a propia relixión cristiá recurre á evocación da última cea para cifrar o seu máis importante misterio. Pan e viño son os dous elementos prioritarios, na cultura cristiá a presencia do pan implica o recordo da paixón, morte e resurrección do noso Señor Xesucristo. Compartir o pan foi por excelencia o signo da resurrección do Mesías. A través do ritual da comunidade, o mestre ausente regresa a alimentar espiritual e materialmente aos seus discípulos baixo esas formas de viño -ás ordes relixiosas atribuéselles a entrada de certas castes de viño en Galicia- e que consideran, na consagración, a presencia efectiva de Deus entre os homes.
Non contentos con esta dimensión trascendental a nosa cultura desenrolou maneiras sutís e marabillosas de elaborar o viño e os alimentos como quen realiza un acto amoroso para o disfrute de todos. A través de olores balsámicos que tocan o corazón coa delicadeza duns dedos de xazmín, a través dos alimentos que esvaran silenciosos coma neve polvariña cara o noso interior, ou degustando demoradamente a elegancia enfática dun bó viño podemos ter día a día un pequeno anticipo do paraíso. Porque o viño, Señor, na súa dignidade e na súa riqueza ten luz propia, maxestade benigna, entréganos a súa esencia e o seu sabor perdurable como un colmado tesouro. Desde a recóndita condición da cuba misteriosa e soturna, suave e cálido, saboroso e grato achega ata nós as súas sílabas celmosas nas que se desfai como un magma salutífero o sabor central do infinito. O viño achega a súa alegría intensa e serena, a súa gracia, a súa inesgotable paz entre amigos e parentes arredor da mesa na que reina como nunca a canción feliz da fartura. Pois os alimentos permanecen en nós por espacio de horas, alteran químicamente o noso organismo nutríndonos o corpo e reconfortándonos a alma, o espírito; dándonos nome, lingua, patria… Son a vida, o que nos permite soñar que os nosos días sexan simples e profundos, numerosos e puros!
Remato xa, meu Señor Santiago
Coida, Santo Patrón, de todos nós, mulleres e homes que habitamos este castigado planeta, e de xeito especial a Galicia, a túa e nosa terra ben amada, protexe esta antiga lingua na que a ti me dirixo, a lingua na que máis se dixo «adeus», e consérvanos con saúde e alegría para seguir moitos anos honrándote, mentres…
…a grave badalá da Berenguela
a outro lugar dentro de nós nos leva:
a sermos pedra sosegada e treva,
a sermos luz na luz da antiga estrela
Que así sexa.
Asdo. D. Xulio Valcárcel
En Santiago da Galiza
A 22 de Maio de 2004
Ofrenda ao Apóstolo Santiago 1999
23 de Outubro do Ano Santo de 1999
APÓSTOLO SANTIAGO:
Ante Ti os compoñentes da «IRMANDADE DOS VIÑOS GALEGOS», grupo de homes para quen o viño é unha expresión da simbiose da natureza e o esforzo humano: «Froito da vide e do traballo do home» reza a liturxia.
Aínda que peregrinos, nin somos estranxeiros nin vimos de terras estrañas. Somos un fato de galegos, uns de nación e outros de vocación, pero todos de corazón nunha peregrinaxe que é sobre todo expresión dun sentimento de esperanza.
Emprendemos a viaxe seguindo o rastro da Vía Láctea, ó igual que milleiros de persoas. Conscientes de que hai tantos camiños como peregrinos, iniciamos a nosa peregrinaxe cada un no seu lugar, na porta da propia casa e polos máis variados rueiros chegamos á meta, ata Ti, na Fisterra galaica, onde están soterrados reis e princesas.
Para nós Compostela e o Camiño de Santiago son causa e froito a un tempo da nosa civilización, e de Europa. Tódolos vieiros de Europa rematan en Compostela, na inmensidade da pedra do Obradoiro coroada polo Pórtico da Groria do Mestre Mateo.
A historia ven de lonxe.: No ano 950 o bispofrancés Godescalgo de Puy recorre o Camiño que será a consagración do europeísmo militante. A chamada do teu sepulcro en Compostela desatou un dos maiores movimentos de masas da cristiandade, que, como observou Dante, deu orixe á palabra peregrino. «Europa fíxose peregrinando a Compostela», escribiu Goethe; aquela Compostela que aparece en Shakespeare, en Chaucer… e tamén un ben cultural incalculable, feito social que propiciou o xurdimento da noción de identidade europea.
Unha corrente cultural que desde o medievo, con abalos e devalos, chega e continuará no terceiro milenio. O Camiño vaise constituír ademais como unha poderosa vía de intercambio de influencias e sintese cultural: un dos máis preciados froitos desta relación foi o florecemento da lírica galaico-portuguesa; trobadores e xograres crearon co repertorio autóctono e influencias de alén dos Pirineos un dos cancioneiros máis fermosos de Occidente. Entre ós moitos peregrinos egrexios que chegaron a Compostela xa no 1137 acode o duque de Aquitania, que morre de gozo perante a imaxe do apóstolo, como ben lembra o Romance de don Gaiferos.
A nosa Irmandade quere facer realidade a cultura do viño, o máis complexo dos productos agrícolas. Ningún outro expresa tantos maties sensualmente palpables, consecuencia de moitos factores, fundamentalmente do tipo de solo, as condicións climatolóxicas, o tipo de viña, a variedade de uva e as prácticas vinícolas aplicadas.
A cultura do viño ven de antigo. Tivo gran importancia para as civilizacións grega e romana. Os gregos introduxeron viñas nas súas colonias do sur de Italia. Os romanos practicaron máis tarde a viticultura en todo o seu imperio (ainda que hai quen cre que a viticultura celta foi anterior á grega). Trala caída do Imperio Romano e co dominio dos seus territorios polas tribus xermánicas, a producción de viño disminuiu, converténdose nalgúns casos, nunha actividade exclusivamente monástica, xa que, calesqueira foran as circunstancias, o viño era necesario para os sacramentos cristiáns.
Co noso pensamento en Galicia estamos a loitar polas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, nas que se colleitan viños brancos lixeiros, ácidos, afrutados e de pouca graduación alcohólica coas súas variedades Treixadura e Godello. Os tintos, coas variédades Caiño, Broncellao, Mencia son asemade ácidos e deixan a súa característica mancha vermella nas cuncas onde se consumen.
Desde o principio da humanidade sábese que o viño, producto natural e ecolóxico obtido da fermentación do zume da uva, tomado con moderación é beneficioso para a saúde. Ao longo da historia o viño foi utilizado como estimulante, fonte de enerxía, e incluso no tratamento de diversas doenzas.
Escritos médicos antiguos e libros sagrados están repletos de citas louvando as propiedades sanitarias do viño.propiedades sanitarias do viño.
Hipócrates afirma que «o viño é cousa admirablemente apropíada para o home, tanto no estado de saúde como no de enfermidade, se se administra oportunamente e con xusta medida, segúndo a constitución individual».
Louis Pasteur chea a afirmar que «o viño é a máis sana e hixiénica das bebidas», gracias ó seu contido en diversos elementos favorables para o organismo.
San Paulo recomendaba: «Non prosigades en beber agua soa, senón usar un pouco de viño por causa do estómago e enfermídades frecuentes».
O viño identifícase asimesmo coa alegría: «Bendito Tí, Señor, que nos deches o viño que aleda o corazón do home», canta o salmista. No Eclesiastés pódese ler: «¿Que é a vida a quen lle falta o viño, que foi creado para contento dos homes? O viño bebido a tempo e con medida é regocixo do corazón e contento de alma».
Por algo dixo un vello petrucio: «A auga bendícese, o viño conságrase».
Sostén Álvaro Cunqueiro que o viño chegou a Galicia da man do Císter e iría unido á presencia dos grandes mosteiros medievais.
Coa aparición dos grandes cenobios e a presencia das ordes relixiosas, o desenvolvemento e o fomento da vide acada máis importancia. As migracións, a reforma do Císter e a relativa tranquilidade das terras conquistadas, deberon ser factores propulsores do cultivo, ó redor dos castelos, castros, plazas fortificadas e, sobre todo, dos mosteiros galegos; pódese relacionar o albariño e súa comarca co mosteiro de Armenteira, o rosal co de Oia, e o ribeiro cos de San Clodio, Oseira e Melón. Antes do século X case non hai documentos que proben a existencia de viño, pero a partires deste século hai documentación, en certa medida, importante.
Nos séculos XV e XVI non había mosteiro, convento, casa nobre ou cabido catedralicio que non tivese viño e casa no Ribeiro.
Seguindo con esta tradición loitamos pola divulgación e coñecemento dos bens culturais e económicos derivados dos recursos vinícolas e gastronómicos de Galicia.
E hoxe estamos aquí ante Tí formando parte da multitudinaria corrente humana que desde os catro confíns do globo acoden a túa Catedral para tratar de entender o significado do descubrimento da túa tumba nunha rémota aldea de Galicia, e o inicio das peregrinacións desde toda Europa.
Nós, un fato de amigos da cultura do viño, xa de cara ó terceiro milenio, vimos ata Tí, sabedores de que as badaladas das campás das torres da túa Catedral, melloran os caldos dos viños galegos nas rúas do Franco, da Raíña…
Cada un de nós, faiche a súa propia petición para si e para súa familia, e tamén polos irmandiños xa inscritos no escalafón celestial. E todos xuntos a Tí, a quen se lle debe a idea de Europa, pregámosche desde o fondo do corazón: «Apóstolo Santiago líbranos desa mala idea (incluso a palabra é noxenta) da Chaptalización que nos queren impor de alén dos Pirineos e que só bebamos viño natural, feito de uva e soamente de uva»
E remato, coas palabras que no último Ano Santo che dixo do noso Roi Xordo, «que algún día t&eoacute;dolos galegos que foron, que somos e que serán, na Túa Compañía e na Compostela Celeste, poidamos, todos xuntos, disfroitar dos viños do Paraíso. Temos a certeza serán como os nosos viños e terán a medida xusta da nosa sede».
Simbolicamente, iniciamos a peregrinación co bordón, «o cabalo de S. Francisco»; e rematámolo bebendo da túa cunca, a vieira, e ledos cantamos o antigo lema xacobeo. Sempre adiante, ou que é o mesmo, ¡Ultreia!
Asdo. D. Luis Rodríguez Míguez
Ofrenda ao Apóstolo Santiago 1993
SEÑOR SANTIAGO O MAIOR, NOSO PADROEIRO:
SOMOS A IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS, unha confreiría de apaixoados, lúcidos e honestos bebedores que sabemos poñer limites á nosa sede. Chegamos a Santiago de Compostela, á que acedemos pola Porta de Mazarelos, a única que se conserva en pé, porque, por ela, como ensinan antergos textos, entraban na cidade os viños de antano como chegamos nós, humildes e fervorosos pelengríns.
Moitas gracias por recibirnos na soleira da Tua Casa, sentado no Pórtico da Gloria, apoiado no teu caxato de camiñante, lembrándonos a tantos e tantos irmaos nosos que tiveron a necesidade de irse polo mundo a gañar o pan de cada día, nunha dura loita pola vida.
Eiquí estamos, diante do Teu Altar, onde estás sentado como outrora os nosos vellos petrucios no escano, detrás do lar, contemplando o lume vivificador. Quixeche quedar con nós para sempre porque, como di unha vella panxoliña, pouco vai de galileo a galego. E viñeche polo mar marcando un camiño que, para boa parte do noso povo, é o lugar cotián dos seus traballos e dos seus días. Ti, que fuche pescador, determinache a vocación mariñeira da nosa xente. E, cando pasache para Compostela, escribiche no ceo, dos séculos polos séculos, un Camiño de Estrelas para que ollemos ao infindo e, como alguén dixo, intentemos o imposibel para acadar o posibel.
Esta Santa Eirexa Catedral Basí1ica Metropolitana é unha das grandes parroquias da Cristiandade e deunos, aos galegos, unha das cidades máis fermosas do mundo, fogar de nós e lexítima fachenda. Como dixo un poeta: «Eiquí, se hai estrelas, tamén a pedra voa».
Fai de nós un povo consciente, capaz de cumprir o seu destino, conservando sempre a sua singularidade. Defender e afirmar o noso non é escluir o alleo. Porque somos e temos vontade de universalidade cremos que dextar morrer unha singularidade, unha lingua e unha cultura como as nosas é un atentado contra a beleza, a harmonía e a riqueza do universo.
A nobre IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS defende un dos dons máis maravillosos, concedidos aos mortais: o viño, especie sacramental, sangue da terra, alegría do mundo, consolo de mágoas, calor do sol, fonte da vida. Eiquí con nós, no ceo da nosa boca, na nosa lembranza e no noso sentimento están presentes os viños do noso país, tan semellantes a nós: humildes, honestos, mansos, dóciles e tolerantes, cun sabor agridoce e unha incerta melancolía á que algúns chaman saudade. Eiquí están os viños de Valdeorras, Quiroga e Amandi, levando nas suas cores o ouro lexendario do Sil. Os do Ribeiriño e os dos dous Ribeiros -do Miño caudal e poderoso e do Avia escuro e cristaiño—, corazón viñateiro do pais e que dan «a temperatura do home». Os do Condado e Baixo Miño con nostalxias portuguesas, bos para namorados. Os do Rosal, perfumados co recendo mááxico do seu propio nome. Os do Salnés, agarimados das brisas do Atlántico neboento e misterioso, amigos dos versos de Don Ramón Cabanillas de Cambados e dourados cos roibéns alcendidos do solpor. Os de Chantada, cuio nome lembra o da toscana Chianti, ledos e xeitosos. Os humildes do Ulla, amparados polo Pico Sagro e os de Betanzos, escoitando a música labrega e demorada do Mandeo. En fin: todo o mapa viñateiro, variado e rico do Pais Galego. Viños que melloran en Compostela como nos ensinou, para sempre, Alvaro Cunqueiro: «Todos estes viños bébense en Santiago de Compostela mellor que en ningún lugar do mundo. Alí, entre pedra e ceo, trepitando nos bocois cando repican as campans basilicais, con ese frío de choiva e soedade… os viños do país asómanse ás tazas cos seus ollos de loiro de perla cando chegan ó remate da sua pelerinaxe. E, no Maio, pola Ascensión do Señor, na Carballeira de Santa Susana, os mellores ribeiros arrolan o polvo da Arousa, curado co vento atlántico…»
¡A pelerinaxe dos viños! Nunca tal se ollou. Os viños só peleriñan a Compostela pois é ben sabido que os viños nunca deben viaxar. Quen ten que viaxar é o bebedor.
Rogámosche
Santo da barba dourada,
vello honrado, meu patrón…
veles sempre, sempre endexamais, pola nosa nación galega, pola nosa xente, por esta IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS, coidando, dun xeito especial, as nosas vides. E, lembrando a Unamuno, noso Señor Santiago Pescador e Pelengrín, que eres o noso, manso e doce de corazón como somos os galegos, pedimosche, moi fondamente, nos liberes do Santiago Guerreiro e Matamouros.
Por remate fai que algún día tódolos galegos que foron, que somos e que serán, ba Tua Compaña e na Compostela Celeste, poidamos, todos xuntos, disfroitar dos viños do Paraíso. Temos a certeza serán como nosos viños e terán a xusta medida da nosa sede.
Que así sexa
Asdo. D. Manuel María, O Rei Xordo