SEÑOR SANTIAGO
aquí estamos a
IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS:

Ante o teu altar comparecemos coma tantos milleiros de peregrinos que atopan neste lugar sacro a meta arelada. Volvemos a esta cidade emblemática na que a maioría de nós fomos estudantes, aquí debullamos o noso tempo entre o rigor das disciplinas académicas e a displicente bohemia da mocedade, aquí namoramos. Santiago de Comopostela sempre será unha referencia importante para nós; as vivencias daqueles días descen sobre a nosa memoria como unha chuvia mansa, agora, cando sabéndoos perdidos, os sentimos aínda moi adentro:

"Santiago vai en nós como unha sombra,
ao noso cerne vai atado como edra,
aise arte o granito e medra,
espiga cenital que nos asombra.
Nun aire denso que nos nombra
volve o pasado e póusase na pedra
Pasos que foron pérdense na nebra,
Santiago vai en nós como unha sombra.
Vai en nosoutros, chuvia, terra e canto
foi fértil limo vertido en vida;
Cicelado soño, arquitectura
que ao ceo lanza a oración máis pura:
a podente chamada dun encanto,
o camiño da espranza xa cumprida

E vimos, Señor, a renderche pleitesía e homenaxe, como galegos exercentes, para recoñecendo a túa autoridade, impetrar a túa protección. Somos, Señor Santiago, a Irmandade dos Vinhos Galegos, unha sociedade formada por xente pacífica e de orde que se xunta a carón da comida e da bebida para estreitar lazos de amizade, para disfrutar da boa mesa coa necesaria mesura e departir en conversa tranquila e harmoniosa. Tal vez non exista, Señor Santiago, diferencia entre falar de comida e falar de relixión. En todas as relixións se fai presente a divibidade a traés dos alimentos. No rito católico conságrase o pan e o viño; ningunha outra bebida, Señor, que non sexa o viño é merecente de tan alto privilexio. Un rito obrigado de calquera relixión é comer e beber a deidade ou para a deidade. Quizais o que queremos cando comemos e bebemos e saciar a nosa sede de eternidade, unha sede que se concreta máis modestamente no mantemento cotiá da vida. Por iso os deuses -Cristo entre eles- deixaron a súa presencia contida nos alimentos. Nese sentido alimentámonos por vivir e para vivir, desde a convicción de que o disfrute da comida e o transo da bebida teñen degaros de vida eterna.

Pero tamén a cerimonia de preparar para despóis compartir os alimentos en común unión tén unha profunda significación relixiosa: a propia relixión cristiá recurre á evocación da última cea para cifrar o seu máis importante misterio. Pan e viño son os dous elementos prioritarios, na cultura cristiá a presencia do pan implica o recordo da paixón, morte e resurrección do noso Señor Xesucristo. Compartir o pan foi por excelencia o signo da resurrección do Mesías. A través do ritual da comunidade, o mestre ausente regresa a alimentar espiritual e materialmente aos seus discípulos baixo esas formas de viño -ás ordes relixiosas atribuéselles a entrada de certas castes de viño en Galicia- e que consideran, na consagración, a presencia efectiva de Deus entre os homes.

Non contentos con esta dimensión trascendental a nosa cultura desenrolou maneiras sutís e marabillosas de elaborar o viño e os alimentos como quen realiza un acto amoroso para o disfrute de todos. A través de olores balsámicos que tocan o corazón coa delicadeza duns dedos de xazmín, a través dos alimentos que esvaran silenciosos coma neve polvariña cara o noso interior, ou degustando demoradamente a elegancia enfática dun bó viño podemos ter día a día un pequeno anticipo do paraíso. Porque o viño, Señor, na súa dignidade e na súa riqueza ten luz propia, maxestade benigna, entréganos a súa esencia e o seu sabor perdurable como un colmado tesouro. Desde a recóndita condición da cuba misteriosa e soturna, suave e cálido, saboroso e grato achega ata nós as súas sílabas celmosas nas que se desfai como un magma salutífero o sabor central do infinito. O viño achega a súa alegría intensa e serena, a súa gracia, a súa inesgotable paz entre amigos e parentes arredor da mesa na que reina como nunca a canción feliz da fartura. Pois os alimentos permanecen en nós por espacio de horas, alteran químicamente o noso organismo nutríndonos o corpo e reconfortándonos a alma, o espírito; dándonos nome, lingua, patria... Son a vida, o que nos permite soñar que os nosos días sexan simples e profundos, numerosos e puros!

Remato xa, meu Señor Santiago

Coida, Santo Patrón, de todos nós, mulleres e homes que habitamos este castigado planeta, e de xeito especial a Galicia, a túa e nosa terra ben amada, protexe esta antiga lingua na que a ti me dirixo, a lingua na que máis se dixo "adeus", e consérvanos con saúde e alegría para seguir moitos anos honrándote, mentres...

...a grave badalá da Berenguela
a outro lugar dentro de nós nos leva:
a sermos pedra sosegada e treva,
a sermos luz na luz da antiga estrela

Que así sexa.

Asdo. D. Xulio Valcárcel
En Santiago da Galiza
A 22 de Maio de 2004