PRESENTACIÓN EN OURENSE POR EL Dr. MÍGUEZ
DEL LIBRO "METAFÍSICA DEL VINO" DE PEPE POSADA

Para facer unha mediana, ¡outra non podo!, presentación do libro "METAFÍSICA DEL VINO" de PEPE POSADA, coido que o mellor é botar man da imaxinación.

Para falar de Metafísica, de viño, do autor Posada, pechemos os ollos e convertamos o Liceo de Ourense nunha sucursal da Academia de Atenas.

SIMPOSIO

E para falar da Metafísica do viño nada mellor que un SYMPOSIO que, entre os gregos era un festín, banquete, pero mais frecuentemente, reunión de filósofos nun banquete para tratar de cuestións filosóficas, aínda que na súa etimoloxía máis ben significaba (symposia), forma de syn, con, e poo, eu bebo. "Reunión de bebedores", nas que se practicaba tanto o intercambio de ideas como a diversión.

Hai moitas obras antigas que relatan que teñen por tema o variado repertorio das "charlas de sobremesa" con ocasión dun simposio ou festín. Cando un grego invitaba ós seus amigos, ademais do menú indicáballes previamente o tema da charla de sobremesa, o tema do simposio. Este costume deu lugar a un xénero literario dialogal que culminaría nos DIÁLOGOS DE PLATÓN, un dos cales leva por título precisamente "O Banquete" e fala do amor.

PLUTARCO estima que nos simposios debe reinar o decoro e a moderación, tanto nas chanzas, nas preguntas, nas citas de versos e espectáculos como na mistura do viño. Agora ben, di, "o maior deleite dun simposio reside nunha conversación grata, da que non están excluídos os temas filosóficos, nin os políticos, sempre que saiban adaptarse ó ton da reunión".

Os "simposiarcas", esto é, tanto organizadores e moderadores deben actuar con moderación, como di PERICLES: "a amigos gobernas", non tolerando a incorrección e non impedir a diversión dentro da seriedade pois coma moi ben di PLUTARCO debe haber "unha especie de mestura equilibrada para ambas cousas, seriedade e diversión, pero tirando un pouco mais por natureza, como un viño selecto, á seriedade, xa que o viño levará o carácter do simposiarca a un termo medio, ó facelo mais suave e rebaixalo".

Por favor: oian, escoiten e atendan para comprender Ademais de oír, acto fisiolóxico da percepción material de calquera son no órgano do oído; escoitar , aplicar o oído, poñer coidado e atención para entender o que se di; e atender, é dicir, poñer interese para comprender; xa que non todo o que se oe, se escoita, nin todo o que se escoita se atende. Se se escoita pódese entender. Se se atende pódense comprender os pensamentos, as ideas, as sutilezas metafísicas.

Entender un libro significa que se sabe o que quere expresar, segundo o sentido corrente das palabras. Comprender un libro, significa que se penetra na súa intención, no seu espírito; o espírito que o autor escondeu detrás do sentido ordinario das frases.

Neste SYMPOSIO, e xa que tratamos dun libro de METAFÍSICA, polo momento o viño é virtual

METAFÍSICA.

Etimoloxía

Palabra que provén da locución do texto meta tá physika, "despois das cousas naturais", con que Aristóteles principia o seu tratado sobre esta parte de la filosofía. O termo metafísica utilizouno por primeira vez en Roma o filósofo grego peripatético Andrónico de Rodas, cerca do ano 70 a.C., na súa edición das obras de Aristóteles. Os temas tratados na Metafísica de Aristóteles (substancia, casualidade, natureza do ser e existencia de Deus) fixaron o contido da especulación metafísica durante séculos

A Primeira filosofía foi coñecida como meta (ta) physica ou "despois da física", máis tarde abreviado como metafísica. A palabra tivo a connotación, no uso popular, de cuestións que trascenden a realidade material.

Concepto actual

Metafísica, rama da filosofía que se ocupa da natureza da realidade última. Describe os compoñentes máis xerais da realidade.

Entre os filósofos medievais escolásticos, a metafísica era coñecida como a "ciencia transfísica" e supoñían que, a través dela, o estudioso podería facer a transición filosófica desde o orde físico ata un mundo máis alá do sentido pola percepción.

Aquela escolástica trivial, monstro armado de argumentos sen fin, onde a verdade e a mentira encontraban as mesmas fórmulas e os mesmos criterios; aquela escolástica que deu un mesmo horizonte á luz e a sombra; aquela escolástica que viviu no día imaxinándose que era a noite; que viviu na noite imaxinándose que era o día; aquela escolástica que morre ó cabo de cinco séculos sen ter obtido outro resultado que dar confusión á evidencia; aquela escolástica, repetimos, no foi estéril para os fins da historia. Aquela filosofía fixo ver ó mundo que era posible filosofar. A forza de impornos a necesidade e a obriga de crer, impuxo ó home a necesidade e a obriga de discorrer. E o home discorreu.

Con anterioridade á época do filósofo alemán Inmanuel Kant, a metafísica caracterizábase por unha tendencia a elaborar teorías sobre a base do coñecemento a priori, é dicir, o saber que se deriva só da razón, para diferencialo do coñecemento a posteriori, que se adquire por referirse ós feitos da experiencia.

Máis ben parece que amigo o Posada quere para nós o coñecemento a priori (a teoría) e deixa para el o coñecemento a posteriori (a cata).

VIÑO

Termo que se aplica a unha bebida alcohólica que procede da fermentación do zume de uvas frescas.

Cabe dicir que o viño é o máis complexo dos productos agrícolas. Ningún outro é capaz de expresar tantos matices sensualmente palpables. Matices que son consecuencia de moitos factores, fundamentalmente do tipo de solo, as condicións climatolóxicas, a variedade de uva ou viñas as prácticas aplicadas.

O viño, alimento espiritual inseparable do ser humano, está profundamente arraigado na nosa cultura. Bebida tónica e viva, ademais de facer vibrar o padal e mantén o espírito en alerta. A máis de tónico de elección, é o máis san dos euforizantes. Enche de optimismo e ledicia os corazóns e a vida.

O viño é un don de Deus, que debe excitar a nosa admiración e recoñecemento. Sería certamente un beneficio grandísimo, que Deus nos houbese dado en abundancia o pan e os demais alimentos necesarios para a nosa conservación; pero non parou aquí a súa bondade, porque se dignou tamén de prover os nosos praceres; e a fin de facernos máis agradable a vida, e fortalecer a nosa saúde, creou a vide.

As demais bebidas, xa naturais, xa artificiais, nunca producen estes efectos no mesmo grao. Só o viño ten a virtude de disipar a tristura, e de inspirar a alegría que tanto contribúe para o benestar da alma e do corpo. Os seus espíritos reparan nun instante as forzas perdidas. O pan pon ó home en estado de obrar; o viño faille obrar con actividade e ata lle volve grato o seu mesmo traballo. O pobo é bebedor de viño por excelencia. Nas rudas faenas do campo, nos duros traballos e nas longas camiñatas, a bota ou a botella, o porrón ou a garrafa, son inseparables compañeiros do labrego, do artesán, do obreiro.

O viño está intimamente unido á vida do noso pobo, ós seus costumes e tradicións, de aí que nas súas expresións, ditos, refráns, adaxios e proverbios se fala tanto del.

O viño é un medio de inspiración, que incluso foi considerado a "Décima Musa inspiradora de artistas e escritores". Un canto popular expón a virtude do viño como excitante do sistema nervioso, motor do intelecto e medio de dar fluidez á expresión do pensamento.

O AUTOR

PEPE POSADA - enxeñeiro técnico químico ofrécenos "Metafísica del vino"... un título provocador no que o seu contido vai máis alá da física, da bioloxía, dos enólogos... coas súas reflexións previas e posteriores á toma do viño. Parodiando ó gran Letamendi: "O médico que só sabe Medicina, nin Medicina sabe". O enxeñeiro Posada fai gala unha vez máis da súa formación e cultura humanística.

Unamuno invertiu a máxima escolástica: "Nada se ama se antes non se coñece" pola de "Nada se coñece se antes non se ama". O que pode resumir a obra de Posada.

Unha vez máis PEPE POSADA, humanista, apaixonado polas letras, literatura, filosofía metafísica, desfruta da natureza, tópase a gusto nela, experimenta o pracer de vivir e amosa a súa faceta de home do RENACEMENTO coa súa poderosa vitalidade , polo seu pulo espiritual que lle confire ás cousas materiais, neste caso o viño. Unha vez máis loita para acadar paro o viño unha época esplendorosa.

PRESENTACIÓN DUN LIBRO.

Un libro pode ter un Patrocinio ou un Mecenado:
Patrocinio (sponsoring): Ten un fin mercantil; actividade dunha organización con afán de lucro que espera do éxito da súa financiación unha rendibilidade en termos de participación nos medios de comunicación social.
Mecenado: Ten un fin filantrópico; actividade dunha organización sen afán de lucro (fundacións, gremios, persoas). Caius Cilnius Maecenas, conselleiro de Augusto, deixou o seu nome, con minúscula, para referirnos á persoa ou institución que coa súa xenerosidade protexe as artes, sen ánimo de lucro. Tal é o caso deste libro "METAFÍSICA DEL VINO" de PEPE POSADA e da Irmandade dos Vinhos Galegos.

O principio tódolos privilexios pola publicación dun libro eran para os editores. O autor non empezará a ter importancia como tal ata que a Inquisición decidira a castigar e perseguir os delictos ideolóxicos ata as súas últimas consecuencias, lle conceda recoñecemento legal. E cando os autores do libro pasan a ser as figuras principais. E nalgún caso figuras senlleiras das letras.

Os libros son para ler. Nos mosteiros aínda se practica a lectura en voz alta, a cargo dun monxe ou unha monxa, mentres os seus compañeiros comen. O libro como comunicación é un auténtico desafío intelectual nun mundo no que os mecanismos da conciencia receptora están influídos por multitude de estímulos emocionais. Loxicamente, duns e outros se derivan diferentes mecanismos de lectura. Sexan cales sexan os cambios estructurais, o libro seguirá situado nunha constante tensión dialéctica entre o seu propio e vello saber e a relación coa vida e a historia en movemento.

A "masa de lectores" é un feito relativamente recente, fraguado como consecuencia da revolución industrial e a necesidade dunha man de obra alfabetizada, e asemade tamén como consecuencia da presión ideolóxica populista imbuída da crenza de que a cultura equivalía a emancipación. Esperemos que estre sexa o caso.

Os libros non modifican o mundo, pero axudan a reflexionar. O libro METAFÍSICA DEL VINO, de PEPE POSADA, é unha verdadeira enciclopedia que non ten miguiña de perda, desde o prólogo de Manuel María ata o final. Pasa maxistralmente da categoría é anécdota. Do dato técnico á interpretación lírica. Da seriedade ó humorismo "retranqueiro". Transcende coñecemento e sentimento. Non deixa curruncho sen remexer. Non debe faltar en ningunha biblioteca.

As riquezas naturais non chega con telas, é preciso potencialas. Felizmente o viño, gracias a personaxes coma PEPE POSADA, camiña a unha selección natural. A tendencia é que sexa unha bebida elitista. Hai que beber menos viño e de boa calidade. Hai que seguir mellorando os viños galegos.

E remato con un consello e un brinde. Consello, facer coma min: Mercalo, lelo, e relelo. Brinde: "Sursum corda", "Habemus ad vinum Gallaeciae".

Ourense, Novembro de 2001. Luís Rodríguez Míguez